Xunta e CEO proporcionan formación e ferramentas en innovación ás pemes ourensás

A divulgación da innovación no tecido empresarial é un dos piares de Conecta Ourense na provincia

  • Foi a través de dous talleres presenciais en Allariz e na sede da Confederación Empresarial de Ourense
  • O condutor dos obradoiros, Ángel Alba, é o creador de Innolandia, unha das consultoras de servizos de innovación de referencia de fala hispana
  • ‘Plan de innovación nunha semana’ e ‘Construíndo o ADN innovador’ foron os dous talleres. O primeiro deles continuará de xeito online ata o seu peche cos resultados o próximo 14 de novembro
  • A CEO organiza accións de fomento da innovación dentro da iniciativa Conecta Ourense, apoiada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación

Conscientes de que estamos no momento idóneo no que as pemes poden e teñen que innovar, a CEO a través de Conecta Ourense, segue organizando actividades para fomentar esa capacidade de innovar e o potencial que teñen as empresas ourensás neste eido. Este é un dos obxectivos cos que naceu Conecta Ourense, iniciativa da Confederación apoiada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación, Gain, que desenvolve obradoiros, sesións, conferencias, foros e xornadas con contido relacionado coa innovación, os métodos para levala a cabo ou as axudas dispoñibles para implantala nas empresas.

Dentro do calendario de accións de Conecta Ourense, celebrouse un ciclo de dous talleres  sobre Xestión da Innovación nas pemes coa colaboración do GDR 10 Limia-Arnoia nos que, entre outras cousas, directivos de pemes puideron aprender como facer o seu primeiro plan para empezar a innovar e identificar as capacidades e recursos necesarios para instaurar un departamento de innovación. Os obradoiros fixeron fincapé na enorme importancia da innovación en pemes e autónomos nos tempos actuais, e tamén na provisión de ferramentas para levala a cabo.

As dúas sesións foron conducidas por Ángel Alba, experto en innovación con dúas décadas as súas costas de experiencia e traballo neste ámbito,  primeiro en Procter&Gamble e logo como director dun centro tecnolóxico, ata que en 2012 fundou Innolandia, unha das consultorías de servizos de innovación de referencia en fala hispana. Desde Innolandia e xunto co seu equipo dedícanse a axudar aos profesionais da innovación a desenvolver produtos, procesos e organizacións innovadoras que melloren o mundo.

Plan de Innovación nunha semana e o ADN innovador

A primeira sesión, celebrada en Allariz, desenvolveu as ferramentas para deseñar un Plan de Innovación nunha semana, seguindo unha metodoloxía que, aplicada a cada caso particular,  permita aliñar a innovación cos obxectivos do negocio para poder empezar a traballar en proxectos de impacto. Os asistentes recibiron un manual que completaron durante o propio taller cos elementos básicos do plan e os recursos necesarios para poñelo en práctica. A sesión presencial completarase con asesoramento online durante a vindeira semana para, o día 14, celebrar unha sesión de peche na que se verán os resultados deste plan semanal para innovar.

O segundo obradoiro, celebrado na sede da CEO, contou tamén coa presenza dunha técnico da área de Servizos de Gain e a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, quen destacou o momento actual como o acertado para innovar ‘sen importar o sector, o tamaño ou a actividade, porque a innovación é adaptable e céntrase en explorar as oportunidades, probar, investigar e acadar resultados e, desde o inicio de Conecta Ourense o noso obxectivo final é conseguir na nosa provincia un tecido empresarial máis innovador’.

Construíndo o ADN innovador foi o lema desta segunda sesión, na que os participantes perseguiron a identificación das capacidades e procesos necesarias para innovar por parte dunha persoa, un equipo e un departamento de innovación. No transcurso do obradoiro os e as participantes realizaron diferentes diagnósticos sobre o seu ADN innovador, as capacidades de innovar dos seus equipos e as actividades dun departamento, para identificar os roles e persoas necesarias.

Re-aprender a innovar

Durante o acto o relator presentou o seu libro Re-aprender a innovar, Manual de herramientas para innovar en un mundo loco, unha publicación que mostra como afrontar o día a día como profesional da innovación, ben desde o posto de director, xestor, consultor ou técnico, sobre todo cos cambios que atravesamos neste momento de grandes transformacións.

Conecta Ourense

Estes obradoiros de innovación súmanse á extensa oferta de actividades da iniciativa Conecta Ourense da CEO e a Xunta de Galicia que desde hai case dous anos se desenvolve para detectar o potencial innovador das pemes da provincia, e tamén para fomentar solucións innovadoras nos seus procesos e produtos e axudalas a conseguilo. Conecta Ourense naceu da necesidade de localizar e desenvolver o potencial das empresas ourensás en ámbitos como a innovación, dixitalización ou internacionalización, co fin de dotalas do coñecemento e as ferramentas apropiadas para desenvolver ese potencial e transformalo en competitividade, logrando así un tecido empresarial preparado para o século XXI e para todas as transformacións que vivimos, cada vez máis intensas e determinantes. Conecta Ourense conta co soporte da Xunta e desenvolve xornadas informativas, foros de innovación, axuda na tramitación de liñas de innovación para as pemes, ou convoca talleres como os celebrados  ao redor da temática da innovación.