Xunta de Galicia, Igape e CEO expoñen as axudas de Galicia Inviste

As oficinas de Conecta Ourense asesoran e acompañan na tramitación destas axudas
  • Unha xornada técnica en formato híbrido repasou esta mañá as características das liñas de axudas do programa Galicia Inviste cun presuposto de 15 millóns de euros cos que se prevé  mobilizar máis de 30 millóns de euros
  • Desde o ano 2018 este programa apoiou máis de 360 proxectos con investimentos de máis de 125 millóns de euros
  • Fany Suárez, subdirectora de investimentos do Igape, foi a encargada de explicar os apoios a pemes e autónomos deste plan da Xunta de Galicia
  • Jaime Pereira, secretario xeral da CEO, salientou os logros de Conecta Ourense no que vai de ano 

Ourense, 17 de outubro de 2023_O próximo 31 de outubro, ás dúas da tarde, remata o prazo para presentar as solicitudes para optar aos apoios destas dúas liñas comprendidas no programa Galicia Inviste que a Xunta de Galicia convoca a través do Igape. Trátase de axudas para proxectos de equipamento produtivo e para investimento empresarial, dirixidas a persoas emprendedoras e/ou autónomas e pemes.

Fany Suárez, subdirectora de investimentos e startups do Igape, foi a encargada de explicar polo miúdo os aspectos máis salientables da convocatoria destas axudas, nunha sesión que se desenvolveu en formato presencial na sede da CEO e tamén a través de conexión online. Na súa intervención, Fany Suárez destacou que Galicia Inviste establece dúas liñas de actuación: unha para os proxectos de equipamento produtivo, é dicir, para ampliar a capacidade dun establecemento xa existente; e outra centrada en investimento empresarial que servirá para crear novos establecementos ou ampliar existentes, diversificar produción ou afrontar cambios nos procesos produtivos.

A primeira liña establece que serán subvencionables os investimentos en activos fixos que impliquen unha ampliación da capacidade dun establecemento existente, e que o importe deste investimento debe estar entre 25.000 e 900.000 euros. Os sectores que a Xunta de Galicia incentiva con esta primeira liña van desde a industria da alimentación, téxtil, coiro e calzado, madeira e cortiza, do papel ou química, ata a fabricación de mobles, de produtos metálicos, informáticos, minerais, material e equipamento eléctrico; reparación e instalación de maquinaria e equipamento, tratamento e eliminación de residuos ou manipulación de mercadorías, así ata máis de 30 códigos de actividade económica.

En canto á liña para investimento empresarial, os beneficiarios son autónomos e pemes que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo en Galicia consistente nun novo establecemento, a ampliación da capacidade dun xa existente, a diversificación da produción nun establecemento existente de produtos novos, ou un cambio fundamental no proceso produtivo afectado por este investimento. Aos epígrafes dos sectores subvencionables da liña anterior, esta axuda inclúe tamén as telecomunicacións, o alugamento de maquinaria e equipamento de uso agrícola e para construción e enxeñería civil, así como doutra maquinaria, equipamentos e bens tanxibles, ademais de actividades de envasado e empaquetado. Outra diferencia coa anterior liña é que nesta o investimento mínimo debe ser de 50.000 euros.

A relatora completou a súa intervención detallando outros requisitos da publicación das liñas de Galicia Inviste, como os gastos subvencionables ou a intensidade das axudas para cada caso segundo os beneficiarios.

Esta xornada técnica formou parte das actividades que a rede de oficinas Conecta Ourense da CEO programa para facer chegar ás pemes e autónomos este tipo de axudas e axudalos coa súa tramitación. Neste sentido, na apertura da xornada Jaime Pereira, secretario da CEO, fixo mención dos datos desta iniciativa da Confederación que se puxo en marcha o ano pasado co soporte da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación e o Igape, e que tan só no que vai de 2023,  entre outros parámetros, xa acadou as 153 empresas contactadas e que recibiron asesoramento por parte dos técnicos de Conecta Ourense ou teñen participado nalgunhas das accións organizadas por esta iniciativa. Ademais, nas oficinas de Conecta Ourense detectáronse 104 empresas con potencial innovador e tramitáronse polo de agora un total de 73 axudas de distintos organismos. Tralo avance destes datos, Jaime Pereira salientou que ‘levamos a cabo o labor de facilitadores e orientadores para que as pemes poidan concorrer e tramitar con éxito estas e outras axudas en innovación, dixitalización, proxectos empresariais, sustentabilidade ou internacionalización’.