Aspectos técnicos das axudas á dixitalización

  • A iniciativa Conecta Ourense da CEO serviu de marco para a celebración desta xornada informativa que contou con máis de 30 persoas conectadas online
  • Explicouse polo miúdo os aspectos da tramitación para proxectos de dixitalización industria 4.0

A dixitalización xa non é allea a ningunha peme que pretenda evolucionar e adaptarse aos tempos actuais tan cambiantes. Esta transformación dixital abrangue a día de hoxe tódolos aspectos imaxinables da vida das persoas e tamén das actividades empresariais, por iso, acorde a esta evolución tecnolóxica imprescindible a Xunta, a través do Igape, facilita axudas para levar a cabo proxectos e actuacións de cara á dixitalización da industria 4.0. co fin último de lograr a transformación industrial das empresas galegas gañando eficiencia e competitividade.

A xornada estivo enmarcada na iniciativa Conecta Ourense, que difunde e fai chegar os apoios públicos ao maior número posible de empresas que os precisan e cos que poden ademais levar a cabo un proceso transformador de dixitalización e innovación que consolide a súa competitividade. As oficinas de Conecta Ourense da CEO prestan a asistencia necesaria ás empresas, sobre todo en contornas rurais, para que poidan solicitar e tramitar estas axudas.

 

No comezo da intervención O director da área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, salientou os eixos sobre os que xirará a Nova Axenda Industrial de Galicia 2025 que está configurada ao redor da dobre transformación dixital e sostible, os axentes habilitadores, o talento e liderado e a industrialización sostible, abarcando temas como a intelixencia artificial, o Big Data, a ciberseguridade, o 5G ou a realidade aumentada ou virtual, entre outros.

Durante a presentación fixo un repaso das axudas publicadas neste mes de xuño para a dixitalización industria 4.0. que apoian a transformación dixital das pemes galegas.  Cun orzamento de 5 millóns de euros, a última convocatoria do programa Dixitalización Industria 4.0 establece axudas en réxime de concorrencia competitiva para desenvolver proxectos colectivos e individuais que busquen a implantación de solucións de interacción, sistemas de intelixencia artificial ou aqueles encamiñados á dixitalización de procesos. As axudas cobren o 35% dos investimentos materiais e inmateriais subvencionables para as pequenas empresas, e o 25% para as medianas, e nos dous casos o 50% dos custos de colaboracións externas. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 euros para os individuais, e de 10.000 euros por participante no caso dos proxectos colectivos. Con esta liña, o goberno galego aspira a promover máis de 200 proxectos de dixitalización.

Neste apartado, destacouse que poden ser proxectos individuais ou colectivos destinados á implantación de solucións para o soporte dixital de procesos ou proxectos de interconexión dixital de procesos de dúas ou máis empresas; ademais de investimentos materiais e inmateriais (equipamento informático, software, colaboracións externas…). Penedo describiu a modalidade de proxectos colectivos e individuais que as empresas poden presentar a estas axudas, entre os que se atopan os casos de empresas que queiran implantar sistemas de intelixencia artificial, interconexión de elementos físicos e virtuais, dixitalización de procesos concretos, big data ou ciberseguridade, entre un amplo abano de opcións.

En canto á solicitude destas axudas, salientou a importancia de criterios de avaliación coma o descrición do proxecto e a súa adecuación, o tipo de solución e melloras esperadas, a adecuación dos investimentos e capacidade económica, ou o alcance do proxecto e o sector ou ámbito de actividade, ademais do seu emprazamento en concellos declarados como emprendedores.