As empresas interesadas poden dirixirse ás oficinas de Conecta Ourense para a súa tramitación
Xunta de Galicia, Igape e CEO expuxeron as claves destas axudas nunha xornada celebrada hoxe na sede empresarial e organizada por Conecta Ourense
A sesión xirou en torno á innovación, financiamento e competitividade, e os apoios asociados a estas áreas estratéxicas de xestión empresarial
José Manuel Fernández, subdirector da Oficina Económica de Galicia foi o encargado de explicar estes apoios
María Fernández, responsable de Conecta Ourense, salientou a importancia destas áreas como ‘piares fundamentais da actividade empresarial hoxe en día’
A recente publicación das liñas de apoio do Igape para distintos sectores e ámbitos de actuación, propiciou a celebración, esta mañá na CEO, dunha sesión que recompilou a explicación de ata catorce axudas pertencentes as áreas de innovación, financiamento e competitividade.
A Xunta e a CEO, no marco da iniciativa Conecta Ourense, organizaron a xornada para dar conta dos detalles destas convocatorias, das que novos prazos de presentación saíron tamén publicados recentemente no DOG. María Fernández, responsable da oficina Conecta Ourense, destacou na súa presentación o papel desta iniciativa que funciona desde hai 3 anos como enlace entre a administración e o tecido empresarial para axudar na detección e tramitación destas axudas. Novoa tamén introduciu a José Manuel Fernández, subdirector da Oficina Económica de Galicia, quen explicou os detalles das mesmas e falou dos servizos que a Oficina Económica pon a disposición do sector empresarial.
En primeiro lugar, o relator expuxo os apoios no eido da innovación das catro liñas abertas que comprenden axudas para startups de ata 20.000 euros para este tipo de empresas con menos de 5 anos de traxectoria, que participasen en aceleradoras ou acrediten innovación. A intelixencia artificial ten a súa liña específica que concede ata un millón de euros para proxectos baseados en IA como desenvolvemento tecnolóxico, implantación ou formación neste campo. Igape Innova vai destinada a pemes e grandes empresas e contempla axudas de ata o 50% en innovación de procesos e deseño de produtos ou servizos. E, por último, dentro da innovación, o Ticket Innova permite cubrir o 80% dos custos, ata 48.000 euros para servizos externos de innovación, certificacións, estudos de viabilidade ou procesos dixitais emerxentes.
Para o financiamento empresarial o Igape puxo en marcha o acceso ao crédito para pemes con préstamos entre 3.000 e un millón de euros e bonificacións nos xuros e avais. Por outro lado, está aberta tamén a convocatoria dos préstamos directos para proxectos estratéxicos en innovación, concentración empresarial ou internacionalización, que contan con ata 12 anos de prazo e bonificacións do xuro ata 5 puntos. Para rematar este apartado, José Manuel Fernández falou tamén dos préstamos máis axudas a grandes empresas FTX, préstamos parcialmente reembolsables de ata o 70% do investimento, combinados cunha subvención do 15%.
Xa para finalizar, e antes do apartado no que os asistentes interesados recibiron asesoramento personalizado, o relator do Igape fixo referencia a un bloque de cinco apoios para fomentar a competitividade das empresas galegas, como as axudas a investimentos en forma de subvencións de entre o 25 e 35% para novos establecementos ou ampliacións.
Os apoios para investimentos de entre 800.000 euros e 10 millóns de euros ou a creación de 25 ou máis empregos, están destinados á atracción de empresas a Galicia, outra liña aberta, que se centra sobre todo na creación dun novo establecemento, a ampliación de capacidade dun establecemento existente, a diversificación da produción dun establecemento existente en produtos que anteriormente non se producían no mesmo, ou o cambio fundamental no proceso global de produción do produto ou produtos motivo do investimento no establecemento.
Completaron este bloque de competitividade, as axudas para a transformación dixital de procesos e sistemas intelixentes, as axudas á automoción que financian a innovación neste sector, os investimentos produtivos e as enerxías renovables e hidróxeno. E para finalizar, o xa coñecido programa Re-acciona que compila un amplo abano de servizos de asesoramento e mellora competitiva para pemes, cunha subvención do 80%.
A sesión rematou co asesoramento personalizado por parte dos expertos do Igape e de Conecta Ourense, entidades ás que as empresas interesadas poden dirixirse para obter axuda coa tramitación destas convocatorias.