O programa ReAcciona da Xunta facilita a modernización e mellora da competitividade das pemes

  • Esta mañá tivo lugar na CEO a presentación deste programa da Xunta, coa presenza da directora do Igape, Covadonga Toca
  • A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, salientou a actividade das oficinas de Conecta Ourense para axudar a canalizar o potencial deste programa e outros apoios públicos, que no ano 2023 rexistrou a tramitación de axudas para 102 empresas da provincia 
  • Covadonga Toca resaltou que desde a súa posta en  marcha no ano 2012 o programa ten promovido o desenvolvemento de máis de 2700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2000 empresas galegas, mobilizando 13,7M€
  • Empresas beneficiarias doutras edicións de ReAcciona interviron para explicar de primeira man as melloras acadadas co programa

Ourense, 4 de abril de 2024.- A Xunta -a través de Igape e Gain-, e a CEO organizaron a presentación, esta mañá, do programa ReAcciona, aberto desde o luns 1 de abril para que os interesados presenten as súas solicitudes. Este programa, posto en marcha no 2012,  facilita ás pemes servizos de alto valor engadido co apoio de expertos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira, ou a optimización dos procesos de produción. Ademais, na presente edición incorpora apoios a empresas emerxentes innovadoras, análises do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento e a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza. O programa ReAcciona permanecerá aberto ata 15 de novembro.

Na presentación de hoxe na CEO, a presidenta da entidade, Marisol Nóvoa, e a directora do Igape, Covadonga Toca, compartiron a apertura do acto na que a primeira salientou a labor paralela da Confederación e a Xunta para ‘axudar ás empresas nestes procesos, e orientalas na tramitación de apoios que lles permitan incorporalos con éxito’. Marisol Nóvoa destacou tamén que os resultados do traballo das oficinas de Conecta Ourense rexistraron no 2023 ‘case 200 empresas contactadas das que se detectou potencial innovador en 124 e se acompañou a 86 para tramitar axudas da Consellería de Industria e Innovación a través de Igape, Gain ou outras direccións xerais como comercio, industria ou enerxía; en total, sumando outras entidades, foron 102 empresas acompañadas con éxito no proceso de tramitación de axudas para implantar solucións innovadoras’.

Pola súa banda, Covadonga Toca afirmou que “Ourense, como o resto de Galicia, ten que diferenciarse pola calidade dos seus produtos, e para acadar esta meta necesitamos máis innovación, máis formación e máis internacionalización”, e salientou as potencialidades do ReAcciona para que as pemes ourensás “reinventen os negocios e fagan fronte aos novos retos do mercado». Para acadar este fin, o programa conta nesta edición con máis de 3,2 millóns que suporán a mobilización de máis de 4 millóns, promovendo servizos en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a mellora da xestión financeira ou a optimización dos procesos de produción. Así mesmo, tamén se levarán a cabo iniciativas no eido da innovación, para axudar ás empresas no deseño de produtos e servizos innovadores, afondando na protección e financiamento dos mesmos.

Entre as principais novidades desta convocatoria está a incorporación de servizos en catro novos ámbitos: o apoio a empresas emerxentes innovadoras, a análise do cumprimento normativo e os riscos legais (compliance), a captación e xestión do talento ou a promoción de melloras nos ámbitos ambiental, social e de gobernanza.

Servizos e empresas beneficiarias

Neste liña, ReAcciona ofrece ás pemes galegas ata 13 servizos diferentes para mellorar a competitividade empresarial, debendo as empresas que queiran optar a estas axudas ter un mínimo de 3 persoas traballadoras. Os distintos apoios foron explicados na CEO por Eladio Otero, subdirector de Competitividade Empresarial do Igape e Patricia Fernández, directora da Área de Servizos de Gain.

As actuacións levadas a cabo no marco do ReAcciona desenvólvense por un axente colaborador, que está a disposición da empresa durante a duración do servizo de mellora, que pode ir dos tres aos seis meses. Por outra parte, os servizos teñen un carácter práctico e buscan a profesionalización da empresa, resultando clave o acompañamento e a formación ofrecidos.

Así, Toca Carús salientou que, desde a súa posta en marcha no 2012, o ReAcciona ten promovido xa o desenvolvemento de máis de 2700 servizos que permitiron mellorar a competitividade de preto de 2000 empresas galegas, mobilizando 13,7M€.

A sesión de hoxe contou coa experiencia de 3 pemes ourensás que narraron de primeira man o que supuxo o apoio deste programa na xestión das súas empresas. Trátase de pemes beneficiarias de anteriores convocatorias que participaron nunha mesa redonda na que os seus responsables expuxeron as melloras acadadas. Por parte de Keybiological, o seu xerente Juan Fernández, explicou os servizos de márketing de contidos ou o lanzamento de produtos innovadores que levaron a cabo gracias ao programa; mentres que Olalla Feijóo, responsable de produción e calidade de Frigoríficos Arcos, salientou que nesta empresa carballiñesa enfocaron o ReAcciona en servizos de loxística e procesos certificables, entre outras accións. A terceira empresa,  Hermanos Paniagua, é unha fabricante de licores con gran tradición innovadora que contou con este programa para a optimización da produción e a cadea loxística, o desenvolvemento de plans de acción e tamén no ámbito do márketing, segundo destacou a súa responsable de márketing, Elena Carceler.