- O Igape e a CEO convocaron unha sesión en liña esta mañá para divulgar este novo programa de apoios da Xunta
- O obxectivo é estimular proxectos para o desenvolvemento e mellora de factores ambientais, sociais e de gobernanza (ASG)
- Esta nova liña, dotada cun millón de euros de investimento, está aberta ata o 15 de setembro
- A sesión, convocada por Conecta Ourense e presentada pola presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, contou como relator con Eladio Otero, subdirector de Competitividade Empresarial do Igape
Ourense, 21 de maio de 2024_ A oficina Conecta Ourense puxo esta mañá o foco no novo programa da Xunta para fomentar modelos de negocio máis sostibles e responsables entre as pemes galegas, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social de Galicia. Estas axudas, que se poñen en marcha por primeira vez este ano, buscan estimular proxectos centrados no desenvolvemento e mellora dos chamados factores ASG: ambientais, sociais e de gobernanza.
A explicación dos pormenores foi a cargo de Eladio Otero, subdirector de Competitividade Empresarial do Igape, presentado nesta sesión en liña por Marisol Nóvoa, presidenta da CEO, quen afirmou que os conceptos que subvenciona estas novas axudas ‘son cuestións que toda empresa hoxe en día ten que ter moi en conta para levar a cabo unha xestión adecuada nunha contorna cada vez máis esixente e cambiante, e que supón un impacto interno, pero tamén externo importante, cada vez máis imprescindible para situar o noso tecido empresarial nos estándares de sustentabilidade e bo goberno que marcan os tempos’.
Pola súa banda, Eladio Otero detallou os requisitos dos proxectos, que poden ser individuais, cando unha peme aborda medidas de impacto nos factores ASG, especificamente deseñadas para o seu ámbito de actividade; ou colectivos, se ben un grupo de 3 ou máis empresas aborda un proxecto ASG para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais, ou para propor actuacións de impacto social de maneira conxunta. Como obxectivos destes proxectos salientou, dentro dos globais, a auditoría e avaliación de riscos ASG e a consultaría e certificación de empresa BCorp.
O subdirector repasou tamén os obxectivos destas axudas dentro de cada unha das partes específicas da denominación ASG: nos ambientais a redución de consumo de recursos, mellora da eficiencia enerxética ou a clasificación e valorización de residuos e subprodutos, entre outros. No ámbito social destacou a diversidade e inclusión, a ética laboral e a elaboración de programas de investimento na comunidade; mentres que dentro estes apoios serven tamén no eido da gobernanza para establecer as estruturas das xuntas directivas, así como fomentar e implantar transparencia financeira e ética empresarial.
As contías das axudas alcanzan en activos materiais e inmateriais o 35% do investimento para pequenas empresas e o 25% para as medianas; así como o 50% en gastos de consultaría cun anticipo do 80% da axuda. Os importes mínimos e máximos oscilan para os proxectos individuais entre os 12.000 euros por empresa e a subvención máxima de 60.000 euros, tanto para empresa ou proxecto, e de 30.000 como máximo se o proxecto é só de consultaría. Por outra banda, para iniciativas conxuntas, o importe mínimo por empresa é de 10.000 euros, e a subvención máxima tamén para cada empresa ascende a 50.000 euros, mentres que se falamos da contía máxima por proxecto pode acadar os 200.000 euros e os 25.000 se se trata de proxectos conxuntos de consultaría.
O obxectivo deste novo apoio da Xunta é que as pemes galegas adopten solucións avanzadas para reducir recursos, minimizar a xeración de residuos e promover a responsabilidade social empresarial e, en definitiva, mellorar a competitividade do tecido produtivo promovendo accións cara unha sustentabilidade cada vez máis necesaria.
Taller sobre certificación de empresas BCorp
Estreitamente vinculado con este tema, a oficina Conecta Ourense celebrará os días 3 e 10 de xullo un taller sobre a certificación das empresas BCorp, actualmente o modelo de empresas sustentable e rexenerativa máis avanzado do mundo, que cumpre coas máis altas esixencias e estándares de desempeño social e ambiental, transparencia pública e responsabilidade legal.