A Xunta activa apoios por 3,8 M€ para continuar avanzando na transformación dixital e sostible do comercio de proximidade galego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe o programa de axudas do Fondo tecnolóxico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU, que activa apoios por 3,8 millóns de euros para continuar avanzando na transformación dixital e sustentable do comercio de proximidade galego.

Estas axudas, que alcanzan o 90 % do investimento subvencionable, poden chegar aos 180.000 euros no caso das pemes comerciais, en función do número de traballadores. Os apoios poden chegar aos 54.000 euros no caso das asociacións de comerciantes con maior número de asociados, e chegar aos 72.000 euros no caso de federacións de ámbito provincial ou autonómico.

Concederanse por orde de solicitude e abranguerán actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 29 de setembro deste ano.

No caso dos comercios, entre outras actuacións, o presidente da Xunta indicou que vanse financiar “aplicacións de big data que son imprescindibles para facer estudos de mercado e coñecer os intereses da clientela; a instalación de probadores interactivos, asistentes virtuais e sistemas de realidade aumentada ou a instalación de sistemas de climatización enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces”.

No que respecta ás asociacións de comerciantes, poderán destinar as axudas á instalación de mupis dixitais, redes wifi nas áreas comerciais, procesos ecoeficientes para a correcta separación de residuos ou proxectos para mellorar a eficiencia enerxética, entre outros.