A xornada estivo enmarcada dentro das actividades de innovación de Conecta Ourense
- Máis de cincuenta pemes e persoas autónomas participaron nun obradoiro online, organizado en colaboración coa Xunta de Galicia, que puxo sobre a mesa como aplicar as tecnoloxías transformadoras para crear solucións innovadoras e sostibles nas empresas
- A relatora, Consuelo Verdú, trasladou as ferramentas prácticas para dar o salto cara a innovación empresarial utilizando estas aplicacións
Ourense, 21 de setembro de 2023_ Nun mundo en constante evolución, a tecnoloxía maniféstase como o principal catalizador de cambios profundos e transformadores. Neste contexto, tecnoloxías como IOT (internet das cousas), Realidade virtual ou Intelixencia Artificial (IA) e as súas diversas aplicacións emerxen como protagonistas indiscutibles da transformación actual e das posibilidades que presentan no ámbito empresarial e dos negocios.
A iniciativa Conecta Ourense da CEO, apoiada pola Xunta a través do Igape e Gain, programou esta xornada innovadora dirixida a coñecer estas tecnoloxías transformadoras para innovar nas empresas desde xa mesmo e nos próximos anos. A sesión, que contou coa participación de máis de 60 representantes de pemes de sectores e actividades tan diversas como consultaría, estudos de arquitectura, construción, agroalimentario e vitivinícola, industria do metal, servicios legais, tecnoloxía, xestión ambiental e forestal, enxeñería e un longo etcétera, ademais de organizacións e centros tecnolóxicos.
A sesión online de hoxe, conducida por Consuelo Verdú, serviu para que as persoas conectadas, descubriran como identificar o punto de partida da súa empresa, actividade ou negocio nesta emocionante viaxe cara á transformación dixital, coñecendo as diferentes aplicacións, como sacarlles proveito e como deseñar unha folla de ruta na súa empresa. A relatora, experta no deseño e dinamización de estratexias innovadoras, abordou oito pasos necesarios para non quedar atrás e coller o tren da innovación.
O obxectivo do obradoiro era o de proporcionar aos asistentes unha comprensión profunda e aplicada de como as tecnoloxías transformadoras son un motor de innovación para os modelos operativos das pemes, cun enfoque especial na Internet das Cousas (IoT), Realidade Aumentada (RA), Sensores, Robótica e Intelixencia Artificial (IA).
Deste xeito, Consuelo Verdú, detívose na explicación da internet das cousas e a súa aplicación en industrias como a saúde, transporte e fogares intelixentes; tamén abordou as experiencias inmersivas de realidade aumentada en márketing ou educación; ou como os sensores permiten vixilancia en tempo real, aplicacións en agricultura, saúde e cidades intelixentes. Tamén foron obxecto de análise a robótica aplicada á automatización en manufactura, loxística e atención ao cliente; ou como a tan de moda intelixencia artificial está facilitando a análise preditiva, recomendacións personalizadas, e a aprendizaxe automática aplicada á produtividade, ao márketing ou á estratexia das empresas participantes.
A relatora recorreu a exemplos prácticos de como estas tecnoloxías están sendo integradas en modelos de negocio disruptivos que desmitificaron a complexidade, analizou casos concretos que revelan as súas aplicacións reais, así como diálogos interactivos que fomentan o pensamento crítico, para que os participantes descubrisen as tecnoloxías que poden transformar de xeito rompedor os seus negocios e como se poden integrar de forma rápida nos procesos para crear solucións innovadoras e sostibles nun mercado altamente dinámico e competitivo no que a innovación é un factor determinante para o éxito e a supervivencia das empresas.
Conecta Ourense
Este taller de innovación, da iniciativa Conecta Ourense da CEO e da Xunta de Galicia, é parte dun completo abano de actividades que se veñen desenvolvendo desde hai máis dun ano e que continuarán para detectar o potencial innovador das pemes da provincia, e fomentar solucións innovadoras nos seus procesos e produtos. Conecta Ourense nace da necesidade de localizar e desenvolver o potencial das empresas ourensás en ámbitos como a innovación, dixitalización ou internacionalización, co fin de dotalas do coñecemento e as ferramentas apropiadas para desenvolver ese potencial e transformalo en competitividade, logrando así un tecido empresarial preparado para o século XXI e para todas as transformacións que vivimos, cada vez máis intensas e determinantes. Xornadas informativas, foros de innovación, tramitación de liñas de innovación para as pemes, ou talleres como o de hoxe son só algunhas das actuacións que leva a cabo para acadar o obxectivo de converter a provincia nun polo dinámico en innovación.