- O acto levouse a cabo na Casa Grande de Viloira e contou coa presenza de autoridades, tecido empresarial e representantes de toda a comarca valdeorresa.
- O apoio da Xunta a través do Igape e a súa Oficina Económica fai posible que esta colaboración conxunta se materialice na simplificación de moitos trámites.
- Impulsar o crecemento das empresas rurais e facilitarlles o acceso a información e axudas de xeito máis sinxelo son algúns dos obxectivos desta iniciativa que ademais acompañará ás empresas en todo o recorrido.
O Barco de Valdeorras, 20 de xuño de 2025 || A Casa Grande de Viloira foi hoxe escenario dunha nova edición da iniciativa Conecta Ourense Rural da CEO, un proxecto que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do Igape, co obxectivo de acompañar e impulsar ao tecido empresarial das comarcas ourensás. A cita reuniu representantes institucionais, empresarias locais e persoal técnico que explicaron os principais recursos dispoñibles para dinamizar a actividade económica no territorio.
O acto foi conducido por Amparo Rodríguez, da Oficina Conecta Ourense Valdeorras, quen deu paso á apertura a cargo de María del Carmen González, delegada da Deputación en Valdeorras e presidenta do GDR da contorna; Carlos Manuel Terán, presidente da Asociación Empresarial de Valdeorras (Aeva) no seu primeiro acto público desde a súa recente elección; e María Fernández Vázquez, responsable de Conecta Ourense da CEO. Esta última presentou aos participantes da xornada, tanto do lado institucional como empresarial, e agradeceu ás entidades da contorna pola colaboración para a organización do evento. Igualmente destacou a presenza das empresas que participaron na mesa redonda e coas que Conecta Ourense ten traballado en distintas iniciativas e adiantou novos proxectos nos que se está a traballar como as memorias de sostibilidade, pegada hídrica, pegada de carbono alcance 3 e procesos de certificación.
Un dos momentos centrais da xornada foi a conversa mantida con tres empresas da comarca que participan en programas de Conecta Ourense. Moderada por Nachy López, asesora experta vinculada ao programa, participaron María Ángeles Pérez (Acoval), Margarita Alejandre (Bodega Roandi) e Simón Val (Cova da Xabreira), quen compartiron as súas experiencias e os beneficios concretos que lles está a reportar a súa implicación coas redes de apoio ao emprendemento local. Acoval, un grupo empresarial consolidado e referente tanto na comarca como na provincia, participa activamente no Programa Pegada de Carbono da CEO. Bodega Roandi é un exemplo de aposta decidida pola innovación e a sostibilidade, participou na primeira edición do Programa Pegada de Carbono. Este ano continúa a súa aposta pola sostibilidade a través do programa Re-acciona, camiñando cara á certificación e á diferenciación do seu modelo empresarial. E por último, Cova da Xabreira, que representa a capacidade de transformar unha idea local nun proxecto con visión internacional. O ano pasado foi recoñecida co Premio Empresa Innovadora 2024, e este ano participan no programa Galicia Avanza para a internacionalización de empresas innovadoras.
Apoio da Xunta a través do Igape
No marco da xornada, e baixo o título ‘Como aproveitar as axudas do Igape e os recursos da Oficina Económica de Galicia’ tiveron lugar as aportacións das técnicas deste organismo para dar conta dos apoios e recursos que a Xunta pon a disposición do tecido empresarial galego.
Carla García, técnica responsable de Oficinas Sur da Oficina Económica de Galicia -área pertencente ao Igape- ofreceu unha completa panorámica sobre as axudas públicas da Xunta neste exercicio 2025, xestionadas a través do Igape. A súa intervención puxo o foco nos principais instrumentos que a Xunta pon ao dispor do tecido empresarial, sobre todo no eido da competitividade a través de apoios para accións estratéxicas do tecido empresarial galego en proxectos ASG (Ambiental, Social e Gobernanza). Estas axudas están orientadas a apoiar proxectos que contribúan á transformación competitiva e sostible das empresas galegas, a través de investimentos estratéxicos que respondan a obxectivos prioritarios como o impulso da sustentabilidade. Así, no eido ambiental os incentivos da Xunta para a economía circular inclúe a redución de consumo de recursos, a mellora da eficiencia enerxética, redución, reutilización e valorización dos residuos, ou deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes, entre outros. Nos obxectivos sociais e de gobernanza, estes apoios céntranse en aspectos como a diversidade e inclusión, ética laboral e empresarial, estruturas das xuntas directivas e transparencia financeira. Os beneficiarios son pemes, autónomos e grandes empresas con proxectos individuais ou colectivos cunha inversión mínima de 3.000 euros. Carla García concluíu a súa intervención recordando que o Igape ofrece un servizo de asesoramento personalizado e continuo a través da denominada Oficina Económica de Galicia para facilitar ou acceso a estas convocatorias.
A continuación Mónica Pena, responsable de Proxectos da Oficina Económica de Galicia, detallou o papel crave desta área do Igape como punto de entrada e acompañamento integral para todas aquelas empresas, autónomos e emprendedores que buscan implantar ou desenvolver as súas iniciativas en Galicia. Mediante atención personalizada, a Oficina Económica xurde como vía de referencia para canalizar axudas, asesoramento experto e tramitación administrativa, ofrecendo un servizo centralizado e áxil que xa xestionou máis de 22.000 consultas e 1.000 reunións de asesoramento directo só no que vai de ano. Entre as súas principais funcións destacan a detección de proxectos estratéxicos, o impulso á tramitación de iniciativas empresariais e a elaboración de propostas de mellora das políticas públicas no ámbito económico. A Oficina conta cun equipo de asesores especializados en áreas crave como financiamento, innovación, operacións, sustentabilidade ou fiscalidade, ofrecendo un acompañamento técnico que abarca desde a ideación ata a execución do proxecto, e perseguindo a dinamización do emprendemento e o investimento.
A xornada pechouse cun viño entre todas as persoas participantes, que serviu de espazo informal de encontro para compartir experiencias, fortalecer sinerxías locais e promover novas conexións de futuro.