Seis empresas ourensás miden os seus impactos de pegada de carbono para adoptar medidas de cara á súa redución
O primeiro obxectivo é comezar cunha diminución dun 2% da pegada nos próximos anos
Xunta e CEO colaboran para facer chegar ao tecido empresarial a posibilidade de adoptar medidas sustentables nos seus procesos produtivos
Ourense, 1 de xullo de 2025 | A segunda edición do programa de medición de pegada de carbono, convocado pola oficina Conecta Ourense da CEO e titorizado por PFS Grupo, tivo hoxe a súa sesión final, na que se deu conta das propostas para acadar os obxectivos de redución e se entregaron os diplomas ás empresas participantes. O obxectivo principal deste pioneiro programa era o de era cuantificar e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) dentro dos alcances 1 (emisións directas) e 2 (emisións indirectas por enerxía importada). Esta iniciativa, promovida pola oficina Conecta Ourense da CEO, conta co apoio da Xunta a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Precisamente o secretario xeral da CEO, Jaime Pereira, e o director da Área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, foron os introdutores da xornada dando a benvida tanto ás empresas participantes como á titora experta que conduciu as diferentes sesións de traballo, Marta Sánchez.
Jaime Pereira salientou na súa intervención que tras esta segunda edición ‘é o momento de consolidalo e continuar, porque as transformacións no medio ambiente estanse a dar cada vez a un ritmo máis acelerado e necesitamos apostar con firmeza por un cambio nos modelos produtivos cara parámetros e prácticas máis respectuosas co entorno’. Pola súa banda, Norberto Penedo, destacou neste sentido, as próximas axudas que a Xunta convocará no ámbito ASG para apoiar unha dobre transformación no tecido empresarial: dixital e sostible, afirmando que este camiño, que hoxe en día é irrenunciable para as empresas, achégalles valor e é un factor de competitividade.
O programa desenvolveuse ao longo dos últimos dous meses nos que seis empresas completaron con éxitos todas as sesións nas que foron avanzando nos obxectivos de medicións e propostas de boas prácticas co fin de dar un paso firme cara á sostibilidade empresarial e a loita contra o cambio climático. A medición da pegada de carbono permite que calquera empresa ou organización teña coñecemento do impacto que a súa actividade xera sobre o clima para así emprender un camiño de mellora e compromiso coa redución deste tipo de emisións.
Aglomerados y Construcciones Valdeorras (Acoval), Basculantes Baycar, Iria Otero ‘Vinos con Memoria’, Megatech Industries Orense, Soluciones Técnicas Esdinela e Viña Costeira foron as empresas que se involucraron neste proceso de identificación dos puntos e procesos nos que aplicar medidas redutoras tendentes á descarbonización. Durante o desenvolvemento do programa, calculáronse un total de 709,57 toneladas de CO₂ equivalentes, emisións xeradas no exercicio 2024. Este cálculo representa o primeiro paso cara a unha xestión ambiental efectiva e medible dentro destas empresas.
Compromiso firme de reducción
Como resultado do traballo realizado, as empresas participantes asumiron o compromiso de reducir un mínimo do 2% das súas emisións totais nun prazo de tres anos (2024-2026). Para alcanzar este obxectivo, definíronse accións concretas en tres liñas prioritarias: transporte, enerxía e formación. No transporte, compre acadar que sexa máis eficiente optimizando rutas, fomentando a condución ecolóxica e renovando flotas. No caso da enerxía e iluminación, vixiar o consumo, instalar sensores, aproveitar a luz natural e cambiar todo o posible a fontes renovables. E, por último, consideran a formación como fundamental para interiorizar os cambios que hai que adquirir, polo que apostan por programas de capacitación en eficiencia enerxética e sostibilidade ambiental.
Este programa enmárcase dentro da estratexia da CEO para apoiar o tecido empresarial no camiño cara a modelos de negocio máis sostibles e competitivos, promovendo a xestión ambiental corporativa e a transición ecolóxica. O compromiso destas empresas demostra que o sector empresarial galego pode ser un actor clave na loita contra o cambio climático, convertendo a sostibilidade nunha vantaxe competitiva real. A través de ferramentas de medición e planos estratéxicos estas empresas avanzan cara a unha economía baixa en carbono, demostrando que a colaboración e a acción empresarial poden xerar un impacto positivo tanxible.
Esta iniciativa non só cuantificou as emisións, senón que fomentou unha maior conciencia ambiental e unha planificación estratéxica de redución, aliñando ás empresas participantes coas mellores prácticas de sostibilidade e os estándares regulatorios.
Este tipo de proxectos demostra o impacto positivo que as empresas poden xerar cando integran a sostibilidade na súa xestión operativa, e nesta liña é na que traballa a Confederación Empresarial a través do proxecto Conecta Ourense, que desenvolve actividades tendentes a conseguir un tecido empresarial máis sostible.
Dúas das empresas participantes, Acoval e Viña Costeira, compartiron as súas experiencias de primeira man, destacando o gran beneficio que supuxo realizar este percorrido formativo e o seu proceso na participación. Ao finalizar a sesión, todos os representantes destas empresas recolleron o correspondente certificado de participación nesta segunda edición do programa de Pegada de Carbono.
Próxima convocatoria das axudas ASG do Igape
A xornada de peche do programa incluíu tamén un adianto da próxima convocatoria das axudas do Igape no eido ASG para 2025, dirixidas a apoiar medidas de avance en criterios Ambientais, Sociais e de Gobernanza (ASG). Comentáronse as actuacións susceptibles de financiarse con estas axudas como as memorias de sostibilidade, o cálculo e rexistro da pegada de carbono, ou o cálculo da pegada hídrica.