- Seis empresas ourensás miden os seus impactos de pegada de carbono para adoptar medidas de cara á súa redución
- Xunta e CEO desenvolveron un programa específico e acelerado para concienciar e actuar en favor da sustentabilidade
Seis empresas de diversos sectores culminaron hoxe un innovador programa de medición de pegada de carbono, convocado pola oficina Conecta Ourense da CEO e titorizado por PFS Grupo, cuxo obxectivo era cuantificar e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) dentro dos alcances 1 (emisións directas) e 2 (emisións indirectas por enerxía importada).
O programa, desenvolvido ao longo do último mes, subliña como as ferramentas de medición e os planos estratéxicos son esenciais para avanzar cara a unha economía baixa en carbono, demostrando que a colaboración e a acción empresarial poden xerar un impacto positivo tanxible. Este esforzo conxunto marca un paso significativo cara á sustentabilidade empresarial e a descarbonización, e as empresas participantes tomaron boa nota dos seus resultados para incorporar na súa actividade as medidas necesarias para diminuír a súa pegada de carbono.
Hoxe pola mañá, os representantes destas empresas asistiron á última sesión de traballo antes da presentación dos resultados. Nela aprenderon o último paso: como rexistrar as súas emisións para obter o selo certificador do Ministerio para a Transición Ecolóxica, asociado a un plan estratéxico de diminución de emisións que implica un seguimento anual para actualizar o rexistro desas emisións e continuar co obxectivo de reducilas. A medición da pegada de carbono permite que calquera empresa ou organización teña coñecemento do impacto que a súa actividade xera sobre o clima para así emprender un camiño de mellora e compromiso coa redución deste tipo de emisións.
Este tipo de iniciativas demostra o impacto positivo que as empresas poden xerar cando integran a sustentabilidade na súa xestión operativa, e nesta liña é na que traballa a Confederación Empresarial a través do proxecto Conecta Ourense, que desenvolve actividades tendentes a conseguir un tecido empresarial máis sostible. Precisamente, na apertura da xornada de hoxe, a súa presidenta, Marisol Nóvoa, destacou o balance desta iniciativa que ‘de maneira global asesorou a 278 participantes nas actividades programadas, colaborou na tramitación de, polo menos, 90 axudas a empresas tras detectar a máis axeitada para cada caso, e, case 500 persoas participaron nas 16 xornadas realizadas para difundir os apoios á innovación e competitividade da Consellería de Economía e Industria’. A presidenta da CEO estivo acompañada por Norberto Penedo, director da área de Competitividade do Igape, quen destacou tamén as próximas axudas que a Xunta convocará no ámbito ASG para apoiar unha dobre transformación no tecido empresarial: dixital e sostible, afirmando que este camiño, que hoxe en día é irrenunciable para as empresas, achégalles valor e é un factor de competitividade.
Resultados das empresas participantes e medidas propostas
As empresas adheridas a este programa acelerado pertencen a distintos sectores, ao longo do último mes participaron representantes de Adega Roandi, Compost Galicia, Cooperativa Santa Mariña de Loureiro, Hortícolas Galegas, Mecanizados Rodríguez Fernández e Pel Natura, todas elas comprometidas co obxectivo do programa: medir o impacto da súa actividade e tomar medidas para reducir as súas emisións. Como resultado global delimitouse que o 98% das emisións destas empresas corresponden ao alcance 1, é dicir, emisións directas, mentres que o 2% restante son indirectas.
As empresas adoptaron un compromiso conxunto para reducir o 2% das súas emisións GEI (gases de efecto invernadoiro) no próximo ano, período inicial no que se marcan obxectivos alcanzables para poder ir aumentándoos progresivamente. Para iso, as empresas adoptarán medidas máis sostibles como a optimización de procesos internos, o uso eficiente da enerxía ou a transición a enerxías máis limpas e baixas en carbono. Esta planificación permitiralle cumprir cos requisitos para inscribirse no Rexistro de Pegada de Carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica (MITERD). Así o explicou Marta Sánchez, a experta en pegada de carbono de PFS Grupo que guio aos participantes ao longo das sesións e talleres deste programa. Igualmente, destacou na súa intervención que ademais das medidas por parte das empresas, é igual de importante a boa práctica ambiental continuada no tempo, a sensibilización por parte de todos e todas e a concienciación do persoal nas empresas.
Este programa de Conecta Ourense, apoiado pola Xunta, non só cuantificou as emisións, senón que fomentou unha maior conciencia ambiental e unha planificación estratéxica de redución, aliñando ás empresas participantes coas mellores prácticas de sustentabilidade e os estándares regulatorios.
Dous das empresas participantes, Adega Roandi e Cooperativa Santa Mariña de Loureiro, compartiron as súas experiencias de primeira man, destacando o gran beneficio que supuxo realizar este programa e o seu proceso na participación, ademais das medidas que implantarán para reducir emisións. En concreto, Margarita Alejandre, xerente da adega, especificou como principal medida a instalación de placas solares, mentres que Francisco Vázquez, xerente da cooperativa fixo alusión á substitución dos vehículos da frota por outros máis eficientes. Estes resultados e as medidas que aos poucos as empresas van incorporando, demostran como a medición da pegada de carbono e os planos de redución poden ser ferramentas clave para avanzar na sustentabilidade e a competitividade empresarial. Ao finalizar a sesión, todos os representantes destas empresas recolleron o correspondente certificado de participación nesta iniciativa de Pegada de Carbono.