- Axencia Galega de Innovación celebrou esta mañá en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense e o Parque Tecnolóxico de Galicia unha xornada informativa de presentación dos apoios á innovación e á I+D dirixidos a pemes que están abertos ou próximos a publicar
- Na xornada participaron dúas entidades beneficiarias destas axudas para expoñer a súa experiencia: a destilería Hermanos Paniagua e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense – Afaor
- A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, interviu no peche da xornada e destacou o papel da oficina Conecta Ourense da CEO na difusión e tramitación destas axudas entre o tecido empresarial da provincia
- No 2023 Conecta Ourense xestionou 35 expedientes de axudas á innovación na provincia, cifra que triplicou a porcentaxe das solicitadas no período 2017-2021
A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Patricia Argerey, participou esta mañá nunha xornada informativa de presentación das axudas á innovación para as pemes da provincia de Ourense celebrada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense.
O obxectivo desta xornada era dar a coñecer as novidades nos requisitos e características das novas convocatorias de axudas dirixidas a pemes (Bonos de Innovación, Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i, DeseñaPeme e InnovaPeme), resolver dúbidas e propiciar un espazo de networking para o contacto entre entidades. Ademais, aquelas pemes sen experiencia que o solicitaron participaron nun taller de asesoramento en materia de innovación.
Con esta xornada, que se está a celebrar nas catro provincias galegas, a Axencia Galega de Innovación quere animar ás micro, pequenas e medianas empresas e entidades do terceiro sector social a innovar, independentemente do seu tamaño, localización, ou sector. Para isto, ponse á súa disposición non só axudas económicas, senón apoios nun senso máis amplo como asesoramento ou axuda na preparación de propostas a programas europeos, por exemplo. Estes apoios están incluídos no Mapa de apoios conxunto da Xunta de Galicia á I+D+i que integra 37 instrumentos, de 13 departamentos, dotados cun investimento público de preto de 190 millóns de euros.
Axudas á innovación para pemes
En concreto, na xornada de hoxe presentáronse as convocatorias de Bonos de Innovación, Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i, DeseñaPeme e InnovaPeme. Bonos de Innovación, dotada cun orzamento de 750.000 euros, ten aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 22 de febreiro. O seu obxectivo é impulsar os primeiros pasos para innovar en autónomos, microempresas, pemes e entidades do terceiro sector de acción social, e ademais permitir dar visibilidade á innovación que estas levan a cabo. Para elo, apoia a contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.
Pola súa banda, os Bonos para a preparación de candidaturas a programas europeos de I+D+i destinará 500.000 euros en concorrencia non competitiva a apoiar a preparación de propostas tanto de pemes como de organismos de investigación, co obxectivo de impulsar a participación de entidades galegas nestes programas. Esta liña, cuxas intensidades de axuda oscilan entre o 30 e o 60%, prevese publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) nas vindeiras semanas.
Por último, InnovaPeme e DeseñaPeme, dotada con 4,5 millóns de euros, publicarase o vindeiro 13 de febreiro no DOG. Trátase de axudas dirixidas a pemes para financiar as actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización, co obxectivo de sistematizar e fortalecer a innovación nestas empresas. A intensidade da axuda é do 50% e o importe pode oscilar entre 25.000 e 75.000 euros.
Casos de éxito
No transcurso da xornada, dúas entidades beneficiarias destes apoios presentaron a súa experiencia. Trátase da destilería Hermanos Paniagua, con case 150 anos de historia e ubicada no Carballiño, que obtivo un bono de innovación e unha axuda do programa InnovaPeme no ano 2023. Pola súa banda, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense -Afaor- tivo un bono de innovación no ano 2023.
Conecta Ourense como axente intermedio para a tramitación
A presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, aproveitou a súa participación no peche da xornada xunto a alcaldesa de San Cibrao, Marta Nóvoa, para lembrar o papel de Conecta Ourense, a iniciativa posta en marcha pola confederación, para servir de nexo entre as axudas e as pemes, co fin de axudar a estas coa súa tramitación e lograr así un tecido empresarial ourensán máis innovador e moderno. ‘Conecta Ourense xurdiu para facilitar esa transición que as empresas están obrigadas a facer hoxe en día para non quedarse atrás’ salientou a presidenta da CEO. Engadiu ás súas palabras un dato significativo do 2023 que reflicte que Conecta Ourense apoiou e xestionou 35 expedientes no marco destas mesmas axudas presentadas hoxe da Axencia Galega de Innovación, principalmente, nas convocatorias de Bonos de Innovación, DeseñaPeme e InnovaPeme. Esta cifra supuxo triplicar a porcentaxe de expedientes de axudas á innovación de empresas ourensanas con respecto ao período 2017-2021, o que reflicte o cumprimento na tarefa dinamizadora e de apoio coa que naceu esta iniciativa da CEO.