- O director do Igape, Fernando Guldrís, visita as instalacións de Lacados Digoín, empresa especializada en lacados e recubrimentos especiais que ten impulsado un sistema modulable de tratamento e pintura co apoio do programa de dixitalización Industria 4.0 promovido pola Administración autonómica.
- Lembra que está aberta unha nova convocatoria desta liña, que suma 5 M€ para a posta en marcha de sistemas de fabricación distribuída, de facturación ou de procesos entre un líder industrial cara ás empresas da súa cadea de valor.
O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou onte no polígono de San Cibrao das Viñas as instalacións de Lacados Digoín, empresa especializada en lacados e recubrimentos especiais que ten impulsado un sistema modulable de tratamento e pintura co apoio do programa de dixitalización Industria 4.0 promovido pola Administración autonómica. Unha liña, afondou, que busca promover a transformación industrial das pemes galegas a través de proxectos de dixitalización.
Esta é a oitava convocatoria do programa, que conta cunha ampla demanda desde o seu arranque en 2018, mobilizándose ata o de agora preto de 3 M€ na provincia de Ourense, impulsando a reactivación do tecido produtivo local a través da transformación tecnolóxica e o impulso aos procesos de dixitalización.