A innovación a través do pensamento de deseño e a intelixencia artificial

  • Unha vintena de pemes participaron nun obradoiro de innovación para aplicar o método Design Thinking nos seus procesos e produtos
  • A relatora, Consuelo Verdú, trasladou as ferramentas prácticas para dar o salto cara a innovación e aplicar este modelo con éxito, introducindo aplicacións de intelixencia artificial no proceso

Ourense, 20 de xuño de 2023_ No seu calendario de accións para fomentar a innovación nas empresas, a iniciativa Conecta Ourense programou unha xornada dirixida a coñecer os métodos para levar esa innovación ao tecido empresarial. O taller Descobre como innovar na túa empresa desenvolveuse ao longo da xornada de hoxe na Confederación Empresarial de Ourense coa participación de 20 representantes de pemes de sectores tan diversos como consultaría, arquitectura, formación, viticultura, tecnoloxía, xestión ambiental, enxeñería, apicultura, electricidade ou organización de eventos, así como asociacións empresariais e centros tecnolóxicos, que aprenderon as técnicas para desenvolver procesos innovadores nos seus sectores e actividades.

O obradoiro, conducido por Consuelo Verdú, centrouse no desenvolvemento do modelo Design Thinking isto é, innovar aplicando a forma de pensar dos e das deseñadoras co fin de resolver os problemas mediante solucións prácticas. Trátase dunha metodoloxía de innovación que se centra nas persoas e axuda a identificar as necesidades reais dos usuarios e a desenvolver solucións efectivas. A relatora mesmo utilizou ferramentas de intelixencia artificial aplicadas a este modelo que axudan a resolver tódalas fases do proceso: exploración, reflexión, ideación e prototipado.

 

 

O obxectivo deste obradoiro é que as pemes participantes poidan innovar e xerar novos produtos e servizos que lles permitan destacarse no mercado, o que é tamén o propósito xeral do Programa de Impulso á Innovación nas pemes que a Xunta de Galicia leva a cabo a través da Axencia Galega de Innovación.

A utilidade do pensamento de deseño (design thinking) é que permite cambiar a sistemática para deixar de producir a partir do que xa se sabe facer e abre o camiño a solucións novas que resolven os problemas prácticos do cliente. Os profesionais do deseño precisamente céntranse en resolver os problemas dos clientes observando os seus hábitos de consumo para empatizar con eles e deseñar solucións baseadas en necesidades. As vantaxes deste sistema son que é sinxelo, práctico, rápido e económico.

Conecta Ourense

Con este taller de innovación, a iniciativa Conecta Ourense da CEO completa un abano de actividades que se veñen desenvolvendo desde hai máis dun ano e que pretenden non só detectar o potencial innovador das pemes da provincia, senón tamén fomentar solucións innovadoras nos seus procesos e produtos. Conecta Ourense nace da necesidade de localizar e desenvolver o potencial das empresas ourensás en ámbitos como a innovación, dixitalización ou internacionalización, co fin de dotalas do coñecemento e as ferramentas apropiadas para desenvolver ese potencial e transformalo en competitividade, logrando así un tecido empresarial preparado para o século XXI e para todas as transformacións que vivimos, cada vez máis intensas e determinantes. Xornadas informativas, foros de innovación, tramitación de liñas de innovación para as pemes, ou talleres como o de hoxe son só algunhas das actuacións que leva a cabo para acadar o obxectivo de converter a provincia nun polo dinámico en innovación.