Nome, correo electrónico, teléfono, enderezo de entrega, historial de pedidos… Unha tenda online pode chegar a xestionar unha cantidade importante de información persoal dos seus clientes.
Por iso, a protección de datos debería formar parte do ecommerce desde o seu deseño, independentemente de que detrás da tenda estea unha gran empresa, unha peme ou unha persoa autónoma.
Non se trata só de ter unha política de privacidade publicada na web. Trátase de saber que datos recollemos, para que os utilizamos, quen pode acceder a eles e durante canto tempo os necesitamos.
Que datos recolle realmente a túa tenda online?
Esta é unha boa primeira pregunta.
Un ecommerce pode solicitar información cando unha persoa:
- crea unha conta;
- realiza unha compra;
- se subscribe a un boletín;
- cobre un formulario;
- contacta co servizo de atención ao cliente;
- ou interactúa con determinadas ferramentas incorporadas á web.
Ademais, algunhas cookies e tecnoloxías similares poden implicar o tratamento de datos persoais, por exemplo cando permiten analizar hábitos de navegación ou comportamento. A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) lembra que, cando estas cookies requiren consentimento, este debe ser libre e informado e as opcións de aceptar e rexeitar deben ofrecerse co mesmo nivel de visibilidade.
O primeiro paso, polo tanto, é identificar todos os puntos nos que se recollen ou tratan datos.
Pido máis información da que necesito?
Ás veces acumulamos datos simplemente porque a ferramenta permite facelo.
Pero unha das claves da protección de datos é precisamente a minimización e tratar unicamente aqueles datos persoais necesarios para a finalidade definida.
A AEPD sinala que a protección de datos por defecto debe procurar a mínima cantidade de datos, a mínima extensión do tratamento, o menor prazo de conservación necesario e unha accesibilidade limitada.
Se para enviar un pedido precisamos un nome e un enderezo, debemos preguntarnos que sentido ten solicitar outros datos que non son necesarios para completar esa operación.
Menos datos innecesarios tamén significa menos información que protexer.
A política de privacidade explica o que realmente facemos?
Ter unha política de privacidade non é suficiente se o seu contido non se corresponde coa realidade do negocio.
Debería explicar de maneira clara, entre outras cuestións, quen trata os datos, con que finalidade, durante canto tempo, con que lexitimación, se existen destinatarios da información e como poden as persoas exercer os seus dereitos.
E hai un detalle importante a opción de copiar a política doutra tenda online non resolve o problema.
Cada ecommerce pode utilizar plataformas, provedores, ferramentas de analítica, sistemas de envío, solucións de marketing ou procedementos diferentes.
Que pasa cos provedores que acceden aos datos?
Nunha tenda online non todo ocorre dentro da propia web. Pode haber empresas de hosting, plataformas tecnolóxicas, ferramentas de email marketing, servizos cloud ou outros provedores que participen no tratamento da información.
Por iso, non basta con mirar cara ao cliente tamén é importante coñecer que terceiros interveñen, a que información poden acceder e que relación temos establecida con eles.
Un cambio de plataforma ou a incorporación dunha nova ferramenta pode modificar o tratamento dos datos e facer necesaria unha revisión.
E as cookies?
O coñecido banner de cookies é só a parte máis visible.Antes de configuralo deberiamos saber que cookies utiliza realmente a web, para que serven e cales necesitan consentimento.
Especialmente importante é evitar que o deseño empurre á persoa usuaria cara a unha única opción. Cando é necesario solicitar consentimento, aceptar non debería ser máis fácil ou visible que rexeitar.
Por iso, instalar automaticamente un banner estándar sen comprobar que ocorre detrás non debería ser a solución.
Podo utilizar os correos dos clientes para enviar publicidade?
Ter o correo electrónico dunha persoa porque realizou unha compra non significa que poidamos utilizalo libremente para calquera finalidade.
As comunicacións comerciais electrónicas están sometidas ás regras da Lei de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico (LSSI-CE), ademais da normativa aplicable en materia de protección de datos. A LSSI-CE regula especificamente este tipo de comunicacións e establece as condicións nas que poden realizarse.
Por iso é importante diferenciar os datos que necesitamos para xestionar unha compra daqueles que queremos utilizar para outras finalidades, como accións comerciais.
A protección de datos remata cando publicamos a web?
Non. Un ecommerce cambia xa que incorporamos unha nova pasarela de pagamento, cambiamos a ferramenta de email marketing, instalamos un sistema de analítica, modificamos os formularios ou comezamos unha nova campaña.
A protección de datos debe acompañar esa evolución.
De feito, o principio de protección de datos desde o deseño implica ter en conta a privacidade antes de iniciar o tratamento e ao longo de todo o seu ciclo de vida.
Un pequeno exercicio para revisar o teu ecommerce
O mellor para ver a cantidade de información que se solicita é que un mesmo faga unha compra de proba na propia tenda e facer todo o proceso coma se fose un cliente.
Observar que información se solicita, que opcións aparecen marcadas, que avisos recibe a persoa usuaria, como funcionan as cookies e que ocorre despois de completar o pedido. Se algunha resposta non está clara, probablemente hai algo que revisar.
Porque a protección de datos nun ecommerce non debería ser simplemente un texto situado ao final da páxina. É parte do propio funcionamento da tenda online e tamén da confianza que construímos con quen compra nela.
Se precisas axuda experta para mellorar a experiencia dos teus clientes e integrala na túa cultura organizativa, na Oficina Económica podes solicitar asesoramento de balde.
Fonte: Oficina Económica de Galicia


