- Trátase dun programa acelerado no que as participantes obterán resultados, medicións e plan de acción despois dun mes de traballo
- A obtención dos selos acreditativos e cumprir cos parámetros de sostibilidade a nivel europeo son algúns dos obxectivos desta actividade de Conecta Ourense
- A Xunta, a través de Igape e Gain, apoia á Oficina Conecta Ourense que pon en marcha esta iniciativa
Ourense, 24 de outubro, 2024_ A Oficina Conecta Ourense da CEO, apoiada pola Xunta a través do Igape e Gain, continúa coas accións encamiñadas a transformar o tecido produtivo da provincia, cara a modelos máis sostibles e innovadores. Nesta ocasión, esta mañá deu comezo o programa de medición da pegada de carbono nas empresas, un ciclo de catro sesións nas que os participantes aprenderán a medir a súa pegada de carbono, analizar os resultados e desenvolver un plan de mitigación para reducir as súas emisións .
A xornada en liña de hoxe foi informativa e nela interviñeron a coordinadora de Conecta Ourense, María Fernández, para explicar a importancia de por en marcha e aplicar estas medicións nas empresas, así como os contidos deste programa acelerado, que seleccionará seis empresas para traballar con elas en formación, estratexia e tamén nun plan de acción adaptado ás circunstancias de cada unha delas, co fin de axudalas a obter ese rexistro da pegada de carbono e as accións para minimizar o impacto da súa actividade. María Fernández explicou o contido de cada unha das outras tres sesións restantes, que se farán en liña a excepción da última, o 27 de novembro que será presencial na sede da CEO para realizar a exposición de resultados e a avaliación e conclusións finais. Nesta sesión de peche tamén se tratará como realizar o rexistro no Ministerio para la Transición Ecológica y Reto Demográfico para obter os selos Calculo e Reduzco.
Tamén estivo presente na xornada inicial deste programa Eladio Otero, subdirector de Competitividade Empresarial do Igape, que falou dos servizos da Oficina Económica de Galicia e o programa Re-acciona de axuda ás empresas. Otero falou dos servizos desta oficina de recente creación, que serve de punto de punto de referencia para facilitar e axilizar a creación e desenvolvemento de iniciativas empresariais en Galicia. A Oficina Económica de Galicia ofrece asesoramento individualizado, apoio para a implantación de empresas, acceso á financiamento e acompañamento na transformación dixital, innovación e sostibilidade, buscando desburocratizar e simplificar os trámites empresariais coa administración, actuando como xanela única para novas oportunidades.
Eladio Otero comentou tamén outras liñas abertas que axudan ás empresas nas súas diagnoses e definición de follas de ruta en aspectos ambientais e de gobernanza con liñas específicas para os criterios ASG; así como o programa Re-acciona que ofrece ata 13 servizos e do que a convocatoria está a piques de pechar en novembro, pero que terá remuda a comezos do 2025 cunha nova publicación.
A sesión contou tamén coa intervención da experta en pegada de carbono Marta Sánchez, directora de PFS Grupo, consultora que guiará ás empresas participantes cara a esta medición da pegada de carbono. A relatora explicou de modo xenérico os contidos do resto das xornadas, comezando pola definición de pegada de carbono e a importancia e beneficios para as empresas de realizar esta medición. Tamén abordou o marco regulatorio desde o nivel europeo ata o autonómico e as metodoloxías de cálculo, que se farán ao longo das seguintes xornadas coas empresas participantes. Adiantou as ferramentas que se utilizarán nas vindeiras sesións para, na última delas, poder amosar os resultados alcanzados, e fixo un recorrido por exemplos reais deste avance en empresas galegas. Este programa, eminentemente práctico, tamén tratará coas empresas un plan de acción personalizado para mitigar esta pegada na actividade de cada unha delas.
Formato acelerado dun programa imprescindible hoxe en día
O formato deste programa logrará, en menos dun mes, traballar con seis empresas e presentar resultados, o cálculo dos alcances 1 e 2 e os plans de mitigación axeitados para cada unha. Estes alcances 1 e 2 da pegada de carbono fan referencia ás emisións directas e indirectas que xera unha organización; no primeiro caso as directas producidas por fontes que a organización controla, como o consumo de combustibles en vehículos ou maquinaria; e no segundo ás indirectas asociadas á enerxía comprada e consumida pola organización, como a electricidade. Ambos alcances son esenciais para entender o impacto total dunha organización e deseñar estratexias efectivas para reducir as emisións e o impacto ambiental das actividades humanas e empresariais.
Este cálculo permite a calquera empresa ou organización ter coñecemento do impacto que a súa actividade xera sobre o clima para así emprender un camiño de mellora e compromiso coa redución deste tipo de emisións. O programa que Conecta Ourense pon en marcha pretende concienciar sobre a importancia de medir e reducir o impacto ambiental das empresas implantando accións concretas que non só favorezan a sostibilidade e a redución do impacto sobre o cambio climático, senón que tamén poidan traducirse en beneficios económicos e de reputación para as empresas.