Conecta Ourense Rural axudará ás empresas a desenvolver todo o seu potencial

  • Esta iniciativa nace dentro da Oficina Conecta Ourense da CEO para achegar todos os servizos ás empresas das contornas rurais da provincia
  • O apoio da Xunta a través do Igape e a Axencia Galega de Innovación fai posible que esta colaboración conxunta se materialice na simplificación de moitos trámites
  • A presentación de hoxe, na sede da Asociación de Empresarios do Polígono San Cibrao, contou coa presenza de representantes de toda as entidades promotoras deste proxecto
  • Impulsar o crecemento das empresas rurais e facilitarlles o acceso a información e axudas son algúns dos obxectivos desta iniciativa que ademais acompañará ás empresas en todo o recorrido

Esta mañá, o evento de presentación de Conecta Ourense Rural puxo en valor a importancia da innovación, a dixitalización, internacionalización e a sostibilidade como eixos estratéxicos para impulsar o desenvolvemento das pequenas e medianas empresas rurais. A sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao acolleu este acto da iniciativa promovida pola Confederación Empresarial de Ourense co apoio da Xunta a través do Igape e Gain.

Conecta Ourense Rural ten como obxectivo achegar ás empresas do rural os recursos, asesoramento e apoio necesarios para impulsar o seu crecemento e competitividade, ofrecéndolles o acceso a servizos en áreas clave e toda a información e acompañamento para facilitarlles o acceso a convocatorias públicas de axudas.

Na inauguración da xornada participaron os máximos representantes das entidades empresariais, Marisol Nóvoa (CEO) e José Antonio Rodríguez (Polígono de San Cibrao), acompañados por  Patricia Fernández, directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación, e José Manuel Fernández, subdirector de Asesoramento Empresarial e Apoio da Oficina Económica de Galicia do Igape. José Antonio Rodríguez salientou a  importancia de conectar o rural coa cultura da innovación, ‘do que o polígono é un exemplo porque non deixamos de crecer apostando pola innovación, a sostibilidade e a dixitalizacion, e iniciativas como esta que acollemos hoxe favorecen que sigamos reforzando o noso tecido empresarial’.

Marisol Nóvoa salientou de forma precisa na súa intervención os obxectivos cos que nace esta iniciativa enfocada ás pemes rurais nacida no seo da Oficina Conecta Ourense da CEO, ‘impulsar o crecemento das pemes do rural, facilitarlles o acceso a convocatorias públicas e crear espazos permanentes de colaboración e asesoramento’. Explicou, así mesmo, que esta presentación levarase a cabo por distintas comarcas e localidades da provincia para establecer máis adiante puntos estratéxicos de atención física e periódica nos que traballar de xeito máis próximo coas pemes usuarias deste servizo. Isto é, Conecta Ourense Rural estará presente para acompañar ás empresas que así o soliciten en todo o proceso desde a detección das súas necesidades e o seu potencial, ata a mellora da súa competitividade a través da implantación das solucións máis axeitadas, e tamén levará a cabo un seguimento da execución das axudas coas que se implanten esas solucións, así como a tramitación final e xustificación.

Así mesmo, Marisol Nóvoa resaltou a colaboración con entidades como o Igape e a Axencia Galega de Innovación, indispensables para o éxito deste proxecto que persigue tamén como obxectivos a creación de riqueza, a fixación da poboación e o asentamento de novos servizos nestas áreas rurais.

Conecta Ourense Rural, a carón das pemes 

A responsable da Oficina Conecta Ourense, María Fernández, explicou máis polo miúdo a metodoloxía que se pon en marcha con esta iniciativa, unha plataforma clave para fortalecer o tecido empresarial nas áreas rurais de Ourense. Ademais da presentación xa celebrada en Verín, están confirmadas para  as próximas semanas as respectivas no Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Celanova, Allariz, Carballiño e Ribadavia para dar a coñecer este recurso empresarial.

Nos espazos de traballo levaranse a cabo obradoiros para o impulso e a detección da innovación, a dixitalización e a sustentabilidade das pemes rurais; a través destes talleres formativos e casos de éxito de empresas locais, búscase promover a transformación dixital e a adopción de prácticas sostibles que aumenten a competitividade das empresas en sectores clave do medio rural. María Fernández destacou a necesidade de abordar estes retos desde un enfoque que non só mellore os produtos e procesos, senón que tamén transforme os modelos de negocio para garantir un futuro máis eficiente e sostible.

Balance de Conecta Ourense e presentación da Oficina Económica de Galicia

A directora da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación, Patricia Fernández, realizou un balance da iniciativa Conecta Ourense da CEO resaltando o éxito acadado na atención ao tecido empresarial nos case tres anos que leva funcionando. Neste período, salientou a directiva, as empresas contactadas por Conecta Ourense ascenden a case 700, mentres que 274 solicitaron axudas á consellería de Economía e Industria, e 87 fixeron o propio coa Axencia Galega de Innovación, das que 46 obtiveron os apoios solicitados.

Pola súa banda, José Manuel Fernández, subdirector de Asesoramento Empresarial e Apoio da Oficina Económica de Galicia do Igape, fixo a presentación deste organismo económico de recente creación, do que salientou a súa misión como como punto de referencia para facilitar e axilizar a creación e desenvolvemento de iniciativas empresariais en Galicia. A Oficina Económica de Galicia ofrece asesoramento individualizado, apoio para a implantación de empresas, acceso á financiamento e acompañamento na transformación dixital, innovación e sostibilidade, buscando desburocratizar e simplificar os trámites empresariais coa administración, actuando como xanela única para novas oportunidades.

O evento de presentación rematou cun obradoiro práctico de asesoramento para guiar aos presentes na identificación dos retos das súa empresas, e a exploración desas solucións innovadoras que poidan optar ás axudas públicas. A consultora de Inova Carla Piñeiro foi a encargada de abordar a innovación, dixitalización ou sostibilidade como claves de futuro. O eixo da innovación enfócase na creación ou modificación significativa de produtos, servizos e procesos para xerar un valor diferencial. A dixitalización, pola súa banda, abordouna como un motor de cambio, promovendo a integración de novas tecnoloxías para optimizar as operacións e a xestión empresarial. Finalmente, a sostibilidade é como un compoñente esencial para asegurar a viabilidade a longo prazo, fomentando un uso responsable dos recursos e a implementación de prácticas respectuosas co medio ambiente.