Galicia Exporta Empresas destina 2,5 millóns de euros para a internacionalización comercial de pemes e autónomos
- Xunta de Galicia, Igape e CEO expuxeron as claves deste programa nunha xornada híbrida celebrada hoxe e organizada por Conecta Ourense
- Ruth Pereira, responsable da área de Promoción Internacionalización do Igape, foi a encargada de explicar os apoios a pemes e autónomos deste plan da Xunta de Galicia
- Trátase de axudas para levar a cabo accións de promoción exterior das empresas galegas
- O próximo 23 de novembro remata o prazo para presentar solicitudes
- Desde 2016, ano do seu lanzamento, este programa leva apoiados 1.500 plans de internacionalización, con axudas totais de algo máis de 30 millóns de euros
- A sesión na CEO contou coa posibilidade de asesoramento presencial para os/as interesados/as que así o pediron con antelación
Ourense, 3 de novembro de 2023_ O vindeiro 23 deste mes remata o prazo para que as empresas galegas soliciten os apoios da Xunta para a súa promoción en mercados internacionais, o programa denominado Galicia Exporta Empresas e que convoca a través do Igape. Son axudas para levar a cabo accións de promoción exterior dirixida a pemes e autónomos/as.
O secretario da CEO, Jaime Pereira, introduciu a sesión destacando a importancia da internacionalización no tecido empresarial ourensán, un piar fundamental na actividade da CEO nas últimas décadas para axudalas nesta labor de exportación, e lembrou os próximos obradoiros de innovación que, tamén dentro da iniciativa Conecta Ourense, terán lugar a semana que vén.
Ruth Pereira, responsable da área de Promoción Internacional do Igape, foi a encargada de explicar polo miúdo os aspectos e novidades máis salientables da convocatoria destas axudas, nunha sesión que se desenvolveu en formato presencial na sede da CEO e tamén a través de conexión online.
Na súa intervención, Ruth Pereira destacou que esta liña ten como principal obxectivo apoiar a saída ao exterior do tecido empresarial galego, sobre todo pemes e establecementos comerciais, a través de novas canles distribuidoras e, no caso de Galicia Exporta, o apoio máximo por solicitude e beneficiario pode chegar aos 95.000 euros para accións desenvolvidas entre o 1 de xaneiro e o 15 de decembro deste ano 2023.
As subvencións abranguen como proxectos e conceptos subvencionables, desde campañas de publicidade e elaboración de catálogos (en papel e dixitais), ata a participación como expositor en feiras ou eventos expositivos no estranxeiro ou a visita de prescriptores á sede da empresa en Galicia.
Como novidades desta convocatoria, Ruth Pereira salientou, entre outras relativas á tramitación, que o prazo de solicitude redúcese de 45 días a un mes, e que son axudas en concorrencia non competitiva. Tamén destacou que a presentación da documentación xustificativa pode realizarse xunto coa solicitude inicial e na mesma se solicita o cobro da axuda, no caso de proxectos que teñan todas as accións realizadas; e introduce o requisito dun importe mínimo de proxecto, un gasto mínimo subvencionable que terá que acadar os 3.200 euros. Outras novidades refírense a cambios nos requisitos dos beneficiarios e entre eles, que diminúe a esixencia de traballadores por conta allea, de 3 a 1, e que exclúe a participación a agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade sen personalidade xurídica.
A relatora completou a súa intervención dando algunhas pinceladas da outra liña de axudas dentro deste programa, as destinadas a Organismos Intermedios, que conta cunha dotación de 600.000 euros para aqueles proxectos coordinados por agrupacións empresariais e que, desde o seu inicio, xa prestou apoio a 165 iniciativas cun total de 8,7 millóns de euros.
Todas estas accións forman parte da Estratexia de Internacionalización que está a promover o goberno galego e que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.
Na xornada presencial de hoxe, os participantes que así o solicitaron na súa inscrición, tiveron a oportunidade de acceder a asesoramento ao rematar a sesión, na propia sede da Confederación Empresarial, entidade que ten en marcha as oficinas de Conecta Ourense na capital, O Barco e Verín, co fin de fomentar o aproveitamento destas e outras liñas de apoios e axudar ás empresas coa súa tramitación.