O Camiño de Futuro da Xunta remata en Beade o seu percorrido pola provincia

REPRESENTANTES DE ENTIDADES EMPRESARIAIS E PEMES DAS COMARCAS DO RIBEIRO E CARBALLIÑO ASISTEN PARA COÑECER AS AXUDAS DISPONIBLES NESTE ANO PARA OS DISTINTOS SECTORES PRODUTIVOS

  • Igape, Gain e o GDR de Carballiño-Ribeiro explicou as liñas de axuda deste ano e presentaron novas convocatorias vencelladas á innovación e a dixitalización
  • O presidente do GDR da comarca anfitrioa Francisco José Fernández, deu a benvida e salientou a importancia da innovación para as empresas
  • Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, animou a afrontar os retos actuais a través da innovación
  • Firmas da contorna como Viña Costeira ou Renga Enerxía explicaron a súa experiencia coa innovación empresarial
  • Marisol Novoa e Gabriel Alén, interviron trala presentación das axudas para presentar as oficinas de Conecta Ourense da CEO e dar por concluído este percorrido do Camiño de Futuro

A sede da Mancomunidade do Ribeiro foi o escenario escollido para pechar este percorrido do Camiño de Futuro que fai a presentación do mapa de axudas da Xunta de Galicia para pemes, emprendedores/as e autónomos/as do sur da provincia. Ao acto asistiron entidades e representantes da administración para ofrecer unha explicación pormenorizada deste mapa de apoios, e participaron representantes de empresas ourensás interesadas nestas axudas que se presentaron. Na apertura participaron o presidente do GDR da zona, Francisco José Fernández  e Patricia Argerey, directora de Gain, Axencia Galega da Innovación; mentres que trala presentación das axudas pecharon o acto a presidenta da CEO, Marisol Novoa, e o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén.

Francisco José Fernández, presidente do GDR12,  afirmou que ‘o apoio ás pemes é necesario para mellorar a súa competitividade a todos os niveis, e o gran mérito do éxito dos promotores e promotoras da nosa comarca ven dado polo bo facer, experiencia e gañas que este tecido empresarial existente aporta cada día co seu esforzo para que a economía local teña importancia’. Fernández apostou por que as administracións públicas deben apoiar dende o inicio da actividade empresarial aos promotores de ideas innovadoras que aproveitan a riqueza dos recursos das comarcas do Carballiño e Ribeiro para asentar poboación, mellorar a economía local e favorecer o benestar social.

Pola súa banca, Patricia Argerey, directora de Gain, destacou o agradecemento ás partes implicadas no Camiño de Futuro para a súa celebración nos tres enclaves ourensáns, imprescindibles para activar as pancas para mellorar a competitividade sobre o territorio, e intercambiar as liñas de axuda e estar máis preto dos empresarios e empresarias, e coñecer as inquedanzas, proxectos e necesidades, fundamental para desde as políticas públicas poñer os instrumentos máis axeitados para os destinatarios.  Do Programa de Impulso á Innovación afirmou que quere trasladar que a innovación é tamén para pemes e microempresas independentemente do seu sector e ubicación: todas as empresas teñen a capacidade de innovar, de facer as cousas dun xeito distinto, optimizar tempos e custos e posicionarse mellor nos mercados para poder sobrevivir, ‘porque a panca máis importante da competitividade a día de hoxe é a innovación’.

Beade é a última parada na provincia do Camiño de Futuro, unha iniciativa que percorrerá catorce puntos da xeografía galega ao longo dos meses de marzo e abril, e que en Ourense contou coa colaboración da CEO para levar a cabo estas axudas a puntos tan afastados como O Barco, Allariz e hoxe as contornas do Ribeiro, Carballiño e limítrofes. A parada desta mañá congregou a membros do tecido empresarial, de entidades asociativas como a da Área Industrial de Carballiño, de organismos como a Estación de Viticultura de Galicia, Evega, ademais de axentes locais de emprego da contorna e o presidente do GDR 11 Adercou Manuel Seoane. Este Camiño de Futuro, iniciativa da Xunta de Galicia que dá continuidade ao Camiño da Innovación, ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer estes apoios, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos.

Así, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeiro – Carballiño  explicaron todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, e mesmo actividades non agrarias no rural, entre outras. Un completo abano de apoios e axudas para o tecido empresarial.

No peche do acto, a presidenta da CEO, Marisol Novoa, aproveitou para animar ás empresas a solicitar estas axudas e recordou que para facer unha labor de continuación sobre o terreo coas empresas, a Confederación puxo en marcha o mes de febreiro dúas oficinas técnicas en Verín e O Barco para ‘detectar o potencial innovador das pemes e orientalas no seu camiño cara a innovación, a internacionalización e a sostibilidade, características  irrenunciables das empresas deste século para moverse con éxito nos escenarios tan complicados que estamos atravesando e poder así consolidar a súa competitividade’.

Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta, pechou o acto destacando as ganas e fortaleza do tecido empresarial destas contornas, e asegurando que o que é imprescindible ‘é seguir potenciando o ánimo emprendedor e innovador de todos vós, e seguir colaborando entre as administracións, concellos, delegación da Xunta e a CEO a través de Conecta Ourense, para artellar estas axudas e favorecer a concorrencia a elas’. Igualmente, puxo tamén en valor as iniciativas de coworking para canalizar o asesoramento e emprendemento ás persoas que teñen unha idea para axudala a saír adiante.

Apoios para 2022 e experiencias de éxito de empresas

A presentación dos apoios correu a cargo dos representantes dos organismos da Xunta presentes, e a súa utilidade foi contrastada posteriormente coa exposición de casos de pemes que acadaron os obxectivos de innovación e mellora nos seus proxectos empresariais como Viña Costeira e Renga Enerxía, exemplos ourensáns de innovación, competitividade e dixitalización en sectores tan distintos coma o agroalimentario, a biotecnoloxía e o deseño e enxeñería industrial, respectivamente.

Desde o Igape fixeron introdución das axudas ao emprendemento no ámbito rural, a través de Galicia Emprende. Para fomentar a competitividade teñen abertas varias liñas como a de dixitalización da industria 4.0, e obradoiros de dixitalización, e o programa Reacciona para pemes e autónomos con máis de 3 efectivos. Ademais abren unha nova liña para proxectos que desenvolvan a economía circular. Por outra banda, a través de financiamento presentaron a liña Galicia Inviste e os convenios coas sociedades de garantía recíproca, préstamos directos do Igape e a liña IFI Innova, son investimentos mobilizados para autónomos e pemes no sector industrial. E para fomentar a internacionalización, ábrese novamente a liña Galicia Exporta DixitalGalicia para empresas exportadoras, para proxectos individuais ou colectivos.

A Axencia Galega de Innovación, Gain, presentou tamén novas liñas de axudas como Programa Investigo e Talento Senior, para contratar investigadores e tecnólogos ata 30 anos para a realización de actividades de I+D+i, por empresas e organismos de investigación con centro de traballo en Galicia, no primeiro caso; e axudas axudas para a contratación de persoal de alta cualificación, por un período mínimo de tres anos, con máis de 5 anos de experiencia profesional para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i en Galicia, na segunda tipoloxía. Para iniciativas de emprendemento innovador Gain pon a disposición o apoio a proxectos excelentes Neotec, e o conxunto de incubadoras e aceleradoras Business Factories; no ámbito da innovación empresarial presentou as liñas Innova Peme, Bonos de innovación, Deseña Peme e Re-acciona Innovación, que van desde a mellora da capacidade innovadora de microempresas e pemes, ata a contratación de servizos externos que faciliten actividades de innovación, a incorporación do deseño no desenvolvemento de produtos e servizos, e servizos avanzados a empresas para a mellora da súa competitividade a través da innovación no caso de Re-acciona Innovación.

O representante do GDR Carballiño – Ribeiro explicou as axudas de Agader para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, para accións silvícolas, creación de empresas para persoas agricultoras mozas, a mellora da sustentabilidade, competitividade e resiliencia do sector agroalimentario desde o punto de vista económico, medioambiental e social; o fomento de actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, para actividades non agrícolas en zonas rurais, e para a implantación de proxectos piloto para o desenvolvemento de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal.

Ademais, tamén se presentaron as axudas da Axencia Galega da Industria Forestal mediante as liñas específicas para este sector, como as Xera-Tecno, as de apoio á explotación forestal e primeira transformación nas pemes desta industria, así como á valorización da segunda transformación. A liña Xera-Savia vai encamiñada á mellora da formación e coñecemento da industria forestal por parte de asociacións sectoriais e colexios profesionais. Utilizamadeira é unha liña de fomento da demanda de produtos forestais dirixidas a pemes, particulares e entidades sen ánimo de lucro; Xera-Ecoinnova e Xera-Dixital son novas liñas para fomentar proxectos de dixitalización e de ecodeseño de produtos e solucións de economía circular para pemes que utilicen madeira e melloren a pegada ambiental.